A industria forestal, unha das prioridades da Xunta de Galicia

O pasado 20 de decembro o Consello Galego de Enxeñerías (CGES) mantivo unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, co obxectivo de presentar o Consello e tamén plantexar as súas principais inquedanzas relacionadas coa enxeñería en Galicia.

Á cita, realizada na residencia do presidente da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, acudiron os membros da xunta directiva do CGES, decanos e presidentes dos colexios profesionais que forman parte do Consello, entre eles o seu presidente, Ricardo Babío, decano do Colexio de Camiños e o seu vicepresidente Oriol Sarmiento, decano do Colexio de Industriais.

Entre os temas tratados, destacan o da loxística e infrastruturas, o AVE, os aeroportos e os portos de Galicia ou a necesidade dunha maior captación de inversións industriais. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo amosouse moi interesado pola industria forestal, e o seu desenvolvemento, prioridade na estratexia da Xunta de Galicia nos próximos anos.

Galicia é a novena potencia forestal europea, un sector que representa o 3,5 % do PIB cunha cifra de 3.000 empresas.