Charla sobre o prezo da tarifa eléctrica celebrada na Casa da Cultura de Pontedeume

O pasado xoves 23 de marzo celebrouse unha charla coloquio na Casa da Cultura de Pontedeume con título “O custo da enerxía: O recibo da luz”, organizada polo Ateneo Eumés e coa presenza do noso director, Fernando Blanco Silva, que foi presentado por Ramón Yáñez Brage.

Ramón Yáñez Brage, vello amigo desta revista, é economista e enxeñeiro técnico industrial, e foi profesor da Escola Politécnica Superior de Ferrol; en desempeño deste posto docente Ramón Yáñez Brage foi un colaborador coas actividades emprendidas por parte da revista galega de enerxía Dínamo Técnica na súa primeira etapa, en particular participando nas Xornadas sobre o Cluster Naval de Ferrol organizadas por esta revista en 1999.

Esta charla forma parte da oferta de conferencias divulgativas que organiza o Ateneo Eumés, e neste caso centrouse nun tema de especial actualidade como a tarifa eléctrica, dirixido aos consumidores domésticos. Os temas abordados foron a estrutura binómica da tarifa, a implantación dos contadores intelixentes de medida de consumos e algúns consellos para que os asistentes conseguisen rebaixar o gasto enerxético, en particular mediante a rebaixa da potencia contratada ou a substitución de caldeiras convencionais por outras de gas natural ou biomasa de maior eficiencia.