A transición enerxética en Galicia: unha aposta coherente pola eficiencia e as renovables

As enerxías renovables son, sen dúbida, o futuro da produción enerxética mundial e sobre elas deben xirar as políticas públicas que se establecen neste eido.

Europa quere liderar esta transición enerxética e xa ten establecidas tanto as directrices e principais fitos a conseguir polos estados da UE como o marco lexislativo adecuado para logralo: o obxectivo para 2030 é que as renovables alcancen o 27% do consumo enerxético a nivel europeo e que en España permitan a creación de 100.000 empregos e incrementen o PIB en 12.000 millóns de euros. Neste contexto, e tendo en conta as directrices fixadas pola Unión Europea e as medidas impulsadas neste eido polo Estado, Galicia está a traballar nas principais medidas que nos permitan ser o referente do suroeste europeo nesta materia.

O punto de partida é atopar os elementos que garantan levar a cabo unha descarbonización adecuada da nosa economía, axustada sempre ás necesidades da nosa Comunidade. Por iso, desde un primeiro momento a aposta da Xunta de Galicia foi contar cun mix enerxético coherente e equilibrado, no que día a día estamos a poñer as bases para que o futuro veña marcado polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

Neste obxectivo xa acadamos importantes avances e, actualmente, podemos asegurar que preto do 80% da enerxía que consumen os galegos provén de tecnoloxías renovables e que máis da metade da enerxía producida en Galicia é a través deste tipo de fontes. En definitiva, a Comunidade ten dado pasos para ser máis sustentable e máis autosuficiente, pero debe seguir camiñando nesta dirección, xerando no conxunto da nosa sociedade unha nova cultura.

A Xunta quere facer de Galicia o mellor lugar para vivir, pero tamén para traballar e investir. Unha meta na que a posta en marcha desta transición enerxética axudará a que así sexa. As políticas baseadas nas enerxías renovables redundan nunha mellora da calidade de vida dos cidadáns, non só a través da redución das emisións contaminantes e o maior respecto á natureza, senón tamén grazas a importantes aforros económicos nas facturas enerxéticas dos fogares. Supón unha oportunidade para que as nosas empresas poidan aforrar custos e ser máis competitivas, ademais de fomentar a creación de emprego cualificado en torno a estes recursos.

Neste sentido, a futura Lei de implantación empresarial contempla medidas específicas para os sectores forestal, mineiro e eólico que pretenden consolidar a actividade económica nestes ámbitos buscando o consenso e a máxima participación dos axentes implicados, e, sobre todo, velando por un mellor aproveitamento dos recursos naturais baixo criterios sustentables, mantendo en todo momento as garantías medioambientais e sectoriais.

Precisamente, auga, vento e madeira son os nosos recursos enerxéticos clave, polo que a hidráulica, a eólica e a biomasa teñen que ser os nosos referentes á hora de seguir desenvolvendo en Galicia unha transición enerxética solidaria e complementaria coa do resto de España.

Grazas a estes recursos a Comunidade conta con importantes oportunidades para unha produción enerxética que mellore a calidade de vida dos nosos cidadáns, aproveitando os nosos recursos naturais de forma respectuosa co medio ambiente.

Galicia é a segunda produtora de electricidade mediante enerxía hidráulica, o 25% de toda a electricidade producida en España mediante medios hidráulicos sae da nosa comunidade.

Tamén é a segunda produtora de electricidade eólica, sendo das máis eficientes do país. Levamos aprobados 27 parques no concurso eólico e os plan industrias asociados permitiron investimentos por un importe de 1.000 millóns de euros e a creación de 2.000 empregos na Comunidade. O sector eólico conta agora cunha importante oportunidade grazas ás melloras que introducirá a nova Lei e ás últimas poxas de enerxías renovables, que fan que Galicia conte con máis de 600 MW potenciais a instalar no territorio.

Galicia ten, ademais, desde 2014 unha Estratexia Integral de Impulso á Biomasa que promove o uso deste combustible con fins térmicos para mellorar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes e xerar emprego cualificado.

Dentro desta Estratexia activáronse axudas destinadas tanto a particulares como a empresas e administracións, que, ao remate de 2017 levarán apoiado a instalación de 4.000 caldeiras de biomasa. Estas liñas compleméntanse con outros proxectos como a rede de subministración de enerxía térmica xerada con biomasa -district heating- no complexo administrativo de San Caetano, que entrou en funcionamento en decembro, o impulso do uso da biomasa no Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través do Programa EcoHospital, ou as actuacións realizadas en varios edificios xudiciais da Xunta de Galicia.

Para atender a demanda de biomasa, na nosa Comunidade hai 10 plantas de produción -7 de pellets e 3 de estela- cunha capacidade de produción de 300.000 toneladas anuais.

O noso potencial na hidráulica, eólica e biomasa é indiscutible e por iso debemos apostar por eles, pero sen descoidar o impulso doutras enerxías renovables como poden ser a fotovoltaica, a xeotermia ou a aerotermia, na que tamén estamos traballando. Un exemplo é o proxecto pioneiro da Xunta consistente na instalación de paneis fotovoltaicos no complexo administrativo de San Lázaro, que permitirá atender o 12% do consumo total de cinco edificios con aforros anuais de 55.000 euros.

Pero xunto co impulso en Galicia das enerxías renovables, está a aposta pola eficiencia enerxética. O Goberno galego está realizando un exhaustivo traballo de concienciación e de sensibilización para inculcar a cultura do aforro entre a cidadanía, o empresariado e as administracións.

E, como o mellor xeito de asimilar a teoría é poñela en práctica, a Xunta conta cunha carteira de accións e ferramentas que nos axudan a ser unha terra máis eficiente. É o caso do Plan Vivenda, ao que este ano se destinan 8,7 millóns de euros para contar con edificios de maior calidade a través de actuacións que permiten aforros económicos e enerxéticos para os seus veciños. Dentro deste plan ofrécense axudas para a renovación de fiestras, ascensores, instalacións eléctricas, cubertas e fachadas de lousa, tella e granito, así como apoios para a utilización de enerxías renovables, instalación de caldeiras de biomasa e un plan de autoconsumo.

Con este plan buscamos tanto a mellora de infraestruturas para que sexan máis eficientes como o emprego de enerxías renovables, mentres as familias se benefician dun aforro nos custos da factura enerxética e se dinamizan os sectores económicos implicados, ademais de fomentar a utilización de materiais autóctonos.

Pero tamén miramos cara o futuro con iniciativas pioneiras como o primeiro ecobarrio galego na cidade de Ourense que situará Galicia na vangarda do uso das enerxías renovables, aproveitando as oportunidades que ofrecen as augas termais para impulsar o aforro e a eficiencia enerxética a través da xeotermia, e tamén a través da biomasa para reducir o consumo enerxético no barrio ourensán da Ponte, beneficiando a 20.000 veciños e 35 edificios públicos, reducindo ata un 45% as emisións contaminantes e un 30% o consumo enerxético.

O obxectivo de Galicia cara a súa transición enerxética é incuestionable, ao mesmo tempo que imparable. Avanzamos na boa dirección pero queda un longo camiño ata a meta fixada polo Acordo de París.

Se queremos competir e liderar un modelo enerxético sustentable temos que sumar esforzos: o dos cidadáns, conseguindo a súa total sensibilización e implicación; o das empresas, logrando que aposten por este novo paradigma; a dos profesionais e expertos, avanzando en solucións cada vez máis innovadoras e, por suposto, a administración, poñendo os seus medios e recursos para facilitar esta transición.

Artículo publicado no Nº21 de Dínamo Técnica.

Autor: Francisco Conde López. Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.