A Feira da Enerxía de Galicia celebra do 22 ao 24 marzo a súa segunda edición como espazo de converxencia do sector

A Feira da Enerxía de Galicia celebrará do 22 ao 24 de marzo a súa segunda edición, coa cal pretende converterse nun referente sectorial e dotarse de carácter internacional.

Nesta convocatoria, de novo froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Feira Internacional de Galicia ABANCA, o certame profundará nas súas claves. Así, potenciará a converxencia de empresas, institucións, profesionais e usuarios nun foro que contará coa mellor formulación posible para a xeración de negocio, a innovación e a divulgación. E farao a través dunha completa área expositiva e un amplo programa de actividades que terán entre os seus eixos principais a bioenerxía, o aforro e eficiencia enerxética e os combustibles alternativos para sectores difusos (transporte, agricultura e gandería, residuos…).


Unha interesante proposta


Esta II Feira da Enerxía de Galicia está a traballar nunha cita con gran atractivo. Respecto á súa área expositiva, volverá a ser de gran relevancia a presenza de todos os ámbitos enerxéticos, por canto esta confluencia creará sinerxías e dará á feira unha importante dimensión como espazo de interacción. En todos eles potenciarase a participación de empresas e entidades, que irán dende os sectores das enerxías convencionais e renovables ata a eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación ou servizos a empresas, ademais de institucións e asociacións.

Esta exposición terá un complemento inmellorable, un programa de actividades que xa constituíu un distintivo da feira na súa primeira edición e que nesta se reforzará en contidos e público obxectivo, orientándose especialmente a profesionais pero tamén a estudantes do sector, consumidores e incluso aos máis pequenos.

Volverán a ter gran protagonismo as xornadas técnicas, con temas de máximo interese. Está previsto que, entre outros aspectos, se aborde a transición enerxética, mobilidade sostible, eficiencia enerxética, acumulación e hibridación, construción e rehabilitación, seguridade industrial, xeración distribuída e economía circular. Conferencias ás que se sumarán outras propostas, como talleres, presentacións, asembleas, circuítos de coches eléctricos e híbridos ou entregas de premios.


Apoio dun destacado Comité Organizador


O Comité Organizador da Feira da Enerxía de Galicia, o cal tivo moito que ver cos bos resultados acadados na primeira convocatoria, volve a destacar polo seu firme apoio ao evento e pola notoriedade dos seus membros.

Así, está de novo encabezado pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas e conformado por máis de trinta entidades e empresas de gran relevancia no sector, o que supón unha importante garantía:

  • Xunta de Galicia - Dirección Xeral de Enerxía e Minas – Inega
  • Icex – España Exportación e Inversiones
  • Gas Natural Fenosa
  • Repsol (Refinería)
  • Repsol Gas
  • Reganosa (Regasificadora del Noroeste S.A.)
  • Iberdrola
  • Endesa Generación S.A.
  • Red Eléctrica S.A.
  • Engasa
  • Setga
  • Ecoforest
  • Biomasa Forestal
  • Grupo García Forestal
  • Gain (Axencia Galega de Innovación)
  • Apyde (Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia)
  • Asociación Eólica de Galicia
  • Agaen (Clúster Galego do Autoconsumo Enerxético)
  • Cluergal (Clúster Enerxías Renovables de Galicia)
  • Acluxega (Asociación Clúster da Xeotermia Galega)
  • Afg (Asociación Forestal de Galicia)
  • Confemadera (Confederación Galega de Empresarios da Madeira)
  • Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia
  • Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais
  • Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia
  • Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
  • Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación
  • Confederación de Empresarios de Galicia
  • Fegafón (Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns)
  • Fegasinel (Federación Galega de Asociacións de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións)
  • Fegape (Federación Galega de Parques Empresariais)
  • Aecalpo (Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia)
  • Energylab (Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética)
  • Avebiom (Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa)

Unha primeira edición con gran éxito


O punto de partida deste monográfico tivo lugar do 14 ao 16 de abril de 2016 nunha convocatoria que superou as expectativas da organización tanto no referido ao apoio do sector como ás cifras acadadas. Un balance moi positivo no que tamén se incluíu a satisfacción xeralizada por parte de expositores e visitantes.

Foron un total de 5.500 persoas, profesionais e tamén consumidores do sector enerxético, as que visitaron durante os seus tres días de celebración este certame único no noroeste peninsular por aglutinar todos os tipos de enerxía.

Unha importante presenza, 241 firmas de 16 países


Os asistentes á feira contaron na súa área expositiva con numerosas propostas de moitas das empresas e entidades máis destacadas do sector, as cales sumaron 241 firmas de 16 países que estiveron representadas por 93 expositores directos de tres países (España, Portugal e Francia) e ocuparon unha superficie total de preto de 11.000m². Entre elas as últimas novidades en produtos e servizos dos diferentes ámbitos enerxéticos.

Esta exposición foi visitada na súa primeira xornada polo vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen no acto inaugural destacaron que este encontro se afianzaría como un referente do sector e se convertería nunha oportunidade estratéxica para que este poda afondar nos seus grandes retos de futuro.

A esta mostra uniuse un completo programa de actividades para converter a cita nun atractivo punto de encontro para un sector de gran importancia para Galicia dende o punto de vista económico, do emprego, o I+D+i e o compromiso co medio ambiente.

Un amplo programa con gran participación


A I Feira da Enerxía de Galicia contou cun interesante programa de actividades que, conducidas por cerca dun centenar de expertos, incluíron propostas tanto para profesionais como para consumidores.

As conferencias, peza clave deste programa, contaron en xeral cunha gran afluencia de profesionais. Leváronse a cabo máis de setenta que se agruparon en vinte e sete xornadas e foron impartidas por 89 relatores. Estiveron organizadas por unha decena de entidades, como foron o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Icoiig), Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (Energylab), Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (Avebiom), Axencia Galega de Innovación (GAIN), Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (Fegafón), Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (Fegasinel) e os clústers galegos do Autoconsumo e a Xeotermia Galega (Agaen e Acluxega), ademais de por distintas empresas participantes.

Estas entidades profundaron nas súas xornadas en temas como a eficiencia enerxética, mobilidade sostible, financiamento de proxectos europeos de I+D+i, biomasa, autoconsumo, seguridade industrial, normativa e regulamentación en distintos ámbitos, presente e futuro da industria e o mercado fotovoltaico, situación actual dos mercados de electricidade e gas, aerotermia, iluminación led, instalacións de baixa temperatura ou selos de calidade, entre outros.

O programa da feira tamén estivo conformado por outras actividades que se sumaron ás conferencias. Así, contou cunha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética, promovida pola Fundación Sotavento Galicia e o Inega, talleres dirixidos a escolares ou un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos con automóbiles de diversas marcas. Ademais, no seu marco leváronse a cabo presentacións e reunións sectoriais, como o Encontro dos tres clústers enerxéticos galegos (Agaen, Acluxega e Cluergal).