Xornada do día da eficiencia enerxética celebrada en Lugo

O pasado luns 5 de marzo celebrouse en Lugo unha xornada co gallo do día mundial da eficiencia enerxética. Organizada polo INEGA, contou cunha ponencia sobre o presente e futuro da enerxía eólica de Alfonso Olivas, director de enerxías renovables de IDAE e outra sobre cambio climático e transición enerxética, de Xavier Lavandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo.

Fixo a apertura da xornada, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Nela anunciou que esta semana faranse públicas as directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020.

Unha das prioridades será a diminución do consumo enerxético. A meta é a rebaixa do consumo nun 4%, que supón aforros económicos superiores a 150 millóns de euros cada ano.

O obxectivo é impulsar unha cultura da eficiencia enerxética entre os cidadáns, as empresas, as administracións, pero tamén os investigadores, para o desenvolvemento de solucións innovadoras.

No eido das renovables, Francisco Conde avogou por seguir fomentando enerxías como a hidráulica, a biomasa ou a eólica. Nos últimos meses xa se declararon 21 parques eólicos de especial interese, cunha potencia de 500MW. Deses parques, 15 implantaranse na provincia de Lugo (375 MW).