Os prezos dos combustibles en Galicia están entre os máis altos de España

Pese a ter unha refinería situada na Coruña, na actualidade os prezos dos combustibles nas estacións de servizo de Galicia están entre os máis altos de España.

Algunhas características do mercado galego son que as gasolineiras de cooperativas e asociadas a grandes superficies representan o 5,4% e en España o 15,3%, as gasolineiras automáticas, suman o 1,5% do total fronte ao 5% e as operadoras con bandeira representan arredor do 76% fronte o 68% do Estado.

A Xunta de Galicia e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) asinaron o pasado 23 de xullo un protocolo de colaboración para mellorar a competencia neste sector. Asistiron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o presidente da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), José María Marín Quemada. Con este protocolo a Xunta pretende ampliar o número de operadores en Galicia e que haxa novas formas de comercialización.

Fruto do acordo, a CMNC proporcionará á Comisión Galega da Competencia un informe trimestral sobre a evolución dos prezos dos combustibles nas principais cidades galegas e publicarase unha guía de boas prácticas para a apertura de estacións de servizo para concienciar aos concellos de que non se inclúan restricións á competencia. A Xunta tamén buscará axilizar a tramitación dos proxectos.

Tamén mellorarase a comunicación sobre o mercado e reforzaranse as avaliacións para comprobar un correcto cumprimento das condicións de subministración en exclusiva e que non se supera o límite do 30% da cota de mercado por operador e provincia.