Refrixeración. Desde os neveiros ata a compresión de vapor e a problemática dos refrixerantes.

A refrixeración e climatización son necesidades básicas actualmente, algo que damos por sentado. Porén, a produción de “frío” non era algo trivial ou flexible non hai tantas décadas. Desde hai varios milleiros de anos e ata ben entrado o S. XX, os métodos de refrixeración existentes consistían na acumulación de xeo e neve durante os meses de outono, inverno e incluso primavera nos coñecidos como neveiros, para a súa posterior utilización. En Galicia existen rexistros da existencia de neveiros desde a Idade Media, normalmente vencellados aos grandes mosteiros. Un caso coñecido é o Pozo da Neve no Meixonfrío (Compostela), que aproveitaba as construcións dun antigo castro que alí estaba para ese propósito.

A aparición da refrixeración por compresión no S. XIX marcou un antes e un despois na conservación de alimentos. Nun equipo de refrixeración por compresión de vapor básico, unha substancia, o refrixerante, segue un ciclo para retirar calor daquilo que se quere arrefriar (a cámara de conxelado, por exemplo) e rexeitalo contra un foco quente (como pode ser o aire exterior). O ciclo complétase cun compresor e un dispositivo de expansión, que posibilitan a circulación e cambios de presión e temperatura do refrixerante.

Os primeiros equipos de refrixeración (S. XIX e primeiros do S. XX) empregaban como refrixerante os fluídos dispoñibles naquel momento, entre os que destacaban o CO2 e o amoníaco. Os desenvolvementos no campo da química no período comprendido entre as Guerras Mundiais do S. XX levaron ao emprego case exclusivo dos ben coñecidos CFCs (clorofluorocarbonos) ou HCFCs (hidroclorofluorocarbonos). Estes resultaron estar entre os maiores causantes da destrución da capa de ozono e acordouse a súa total eliminación a escala mundial para 2040 grazas aos acordos do Protocolo de Montreal (1987). Un camiño semellante están seguindo os HFCs (hidrofluorocarbonos), que non teñen efectos sobre a capa de ozono pero contribúen ao efecto invernadoiro e aumento da temperatura terrestre (en certos casos varios milleiros de veces máis que o CO2). A Enmenda de Kigali ao Protocolo de Montreal (2016), que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro de 2019, ten como obxectivo unha redución do 80% no emprego de HFCs para 2050 (con respecto aos niveis de 1990). Medidas adicionais recóllense en diferentes normativas, como por exemplo Regulamento F-Gas en Europa.

No campo da climatización e refrixeración atopámonos ante unha decisión crucial: fomentar os refrixerantes naturais, que xa se empregaron no pasado, e que teñen pouca repercusión directa sobre o medio ambiente, ou optar por unha nova familia de refrixerantes sintéticos, os HFOs (hidrofluoroolefinas), que xurdiron como substitutos dos HFCs. Pese a que aínda non existen moitos estudos do impacto dos HFOs para o ser humano e o medio ambiente, semellan que van seguir o mesmo camiño dos CFCs, HCFCs ou HFCs. ¿Estamos dispostos a levarnos unha nova sorpresa no futuro? ¿Compensa esta incertidume? ¿Non serán os refrixerantes naturais a mellor opción?

Artigo para a edición dixital de Dínamo Técnica.

Autor: Ángel Álvarez Pardiñas. É enxeñeiro industrial con especialización en enxeñaría mecánica pola Universidade de Vigo, na que tamén acado o seu título de Doutor con cualificación de Sobresaliente Cum Laude. Desde Maio de 2016 traballa na Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) como Investigador. As súas actividades céntranse no desenvolvemento de equipos de refrixeración con CO2 máis eficientes e fiables para todas as condicións climáticas, e na construción de bancos de ensaio para testar turbinas que aproveiten a calor residual das industrias para xerar electricidade.


Comentarios