A efectividade da rehabilitación enerxética en vivendas

As tendencias de aforro enerxético.

As novas políticas e unha crecente conciencia medioambiental obrigan a reducilo consumo enerxético en tódolos sectores, inclusive no eido da edificación, co obxectivo final de mitigalas emisións de CO2 e combatilo quentamento climático no planeta que na actualidade lidera a Comunidade Europea.

Segundo sinala a Directiva 2012/27/UE [1], en Europa os edificios supoñen o 40% do consumo de enerxía final. Polo que respecta á rehabilitación de edificios, o 35% deles teñen máis de 50 anos e o 75% do stock é ineficiente, cunha porcentaxe de renovación inferior ó 1,2%, de xeito que a rehabilitación presenta un gran potencial de mellora enerxética, que pode supor unha reducción nos consumos e emisións de CO2 en torno a un 5% [2].

Tanto para edificios de nova construcción como nos edificios existentes, a aplicación de estratexias pasivas (non consumidoras de enerxía) é o primeiro paso para aforrar enerxía e cartos nas nosas vivendas; sendo o segundo paso o complementalas con estratexias activas (consumidoras de enerxía) coa mellora das instalacións de climatización, producción de ACS e renovación de aire.

Os obxectivos de aforro enerxético plantexados na Directiva 2010/31/UE foron prorrogados para un novo horizonte no ano 2030 “2030 climate & energy framework” [3], co obxectivo de que tódolos edificios de nova construcción sexan de consumo de enerxía casi nulo, ECCS (Edificios Consumo Case Nulo) ou nZEB (Nearly Zero Energy Buildings).

Neste contexto é necesario definir estratexias de aforro na rehabilitación de edificios, pero vencellándoas ó confort das familias, e sobre todo á capacidade económica delas para afrontalas; non será abondo con facer unha intervención que reduza os consumos enerxéticos, senón que esta deberá amortizarse en curtos períodos de tempo e deberá amais consideralas posibilidades económicas das familias.

O proxecto de investigación


Con estes antecedentes o presente artigo expón parte do proxecto de investigación baixo o título “Propuestas de rehabilitación energética de viviendas en España. Confort y efectividad” [4], o cal plantexa diferentes propostas de rehabilitación enerxética tomado como caso de estudio un edificio xa existente composto por trinta vivendas (Figura 1).

É obxectivo do estudio plantexar unha análise global dende tres aspectos clave: o enerxético (demandas e consumos), o confort no interior e o económico; coa finalidade de valoralas amortizacións das inversións e a capacidade segundo a renda familiar.

No incio de este artigo pódese ver a Figura 1. Caso de estudo e modelizado, bloque de trinta viviendas.

As intervención propostas no estudio agrúpanse en oito medidas individuais pasivas (I), e seis combinadas con instalacións térmicas (C), (Táboa 1):

Táboa 1. Medidas de rehabilitación individuais (I) e combinadas (C) propostas no estudio:

Medidas pasivas (I) e combinadas (C): Medidas proposta de rehabilitación

I1: Selado de fiestras 
I2: Toldos enrrollabeis nas fachadas sur, este, oeste
I3 : Dobre carpintería aluminio
I4: Sustitución a fiestras PVC + vidro doble baixo emisivo
I5: Illamento fachada polo exterior (sistema SATE)
I6: Illamento cuberta polo exterior
I7: Fachadas vexetais
I8: Cuberta vexetal extensiva
C1: Toldos enrrollabeis + Fiestras PVC + SATE + Illamento cubierta
C2: C1 + Apoio solar térmica
C3: C1 + Bombas calor máis eficientes
C4: C1 + Sistema centralización biomasa
C5: C1 + Bomba calor aerotermia (aire-aire y aire-auga): calefacción+refrixeración+ACS
C6: C1 + Caldera condensación centralizada

Cada unha das medidas analizouse para as doce zonas climáticas definidas na actual normativa vixente en España, o Código Técnico da Edificación, tomando as ciudades máis representativas, entre as que figuran as ciudades galegas de A Coruña - Lugo - Ourense - Pontevedra como as zonas climáticas C1 - D1 - D2 - C1 respectivamente.

A análise enerxética e de confort


Para avaliar o aspecto enerxético utilizouse a aplicación informática HULC “Herramienta unificada LIDER-CALENER”, obtendo as demandas e consumos de calefacción y refrixeración anuais (kWh/m2), expostos na Figura 2.


 

Figura 2. Demanda conxunta de calefacción e refrixeración (kWh/m2 ano) para cada medida proposta.

A valoración do confort interior obtívose coa ferramenta “Climate Consultant”, representando os resultados na carta bioclimática de Givoni que mostra a porcentaxe de horas anuais nas que o interior da vivienda mantense nunhas condicións adecuadas de humidade e temperatura (Figura 3).



Figura 3. Climograma obtido para a zona climática C1 (A Coruña - Pontevedra), % de horas de confort anuais.

¿Son as intervencións viábeis económicamente?


Os cálculos anteriores consideran os parámetros enerxéticos e de confort de cada unha das medidas, pero foi necesario incluir un terceiro aspecto na contabilidade enerxética, o criterio máis importante, o económico, que ofreza unha perspectiva realista da rendabilidade das intervención. Nesta cuantificación económica obtivéronse os custos de intervención total (os de execución material máis os debidos ó mantemento anual) e os ratios de inversión en €/m2 de vivenda, asemade da inversión necesaria por familia. Estes custos, valorados conxuntamente cos aforros de enerxía xerados polas intervencións, permitiron obter os prazos de amortización de cada medida.

O prazo de amortización económica depende fundamentalmente do perfil de uso de cada unha das familias; aquelas vivendas con consumos altos darán mellores períodos de amortización, mentras que vivendas nas que os gastos en calefacción ou refrixeración son mínimos, as amortizacións serán peores, e a recuperación da inversión acadarase a máis longo plazo. Deste xeito a mesma solución de rehabilitación enerxética pode ser amortizábelse falamos de vivendas e familias con gastos altos de enerxía, ou inviábeis para familias con pouco gasto enerxético.

Nun dos exemplos analizados, para o caso de ciudades en climas intermedios como A Coruña ou Pontevedra, o gasto de enerxía oscila entre os 1.846 €/ano se consideramos un perfil de uso alto, e os ata os 939 €/ano para un perfil de uso reducido. Para usos reducidos é posible incorporar o concepto de pobreza enerxética, polo cal moitas familias non encenden a calefacción no inverno nin o aire acondicionado no vrao por falta de recursos económicos, con baixos consumos de enerxía arredor dos 400 €/ano. Neste censo, segundo o “Informe Pobreza Energética en España 2018 (ACA)” [5], o 15% da poboación está a sufrir temperaturas inadecuadas, alonxados do grao de confort, e preto dun 2% (unhas 900.000 persoas) sufriron durante o ano 2016 a desconexión de suministro enerxético nos seus fogares.

Respecto ó rango de inversión das medidas propostas no estudio, abranguen dende os 113 ata os 13.500 €/vivenda, polo que é posible establecer diferentes niveis de intervención (moderado-medio-intenso) e mesmo relacionalos co esforzo que suporá a inversión para a renda familiar segundo o salario mínimo interprofesional do ano 2017[6]:

Nivel intervención / Límite inversión (€/vivenda) / Nº veces salario mínimo  (707,6 €/mes, ano 2017)

moderado / <2.200 / 3,11

medio / < 6.000 / 8,50

intenso / <13.500 / 19,10

Táboa 2. Niveis de intervención segundo o custo económico e o salario mínimo.

Os resultados obtidos indican, por regra xeral, que as intervencións pasivas supoñen as medidas máis doadas de implantar polo seu baixo custo inicial (inferiores a 3.000 €/vivenda), pero non todas elas amortizan antes de 15 anos. Doutrabanda, as medidas combinadas que inclúen a reforma das instalacións no edificio (entre 6.000 e 14.000 €/vivenda) recuperan a inversión antes 15 anos. A Figura 4 expón os valores acadados para o caso de León (zona climática E1).
 


Figura 4. Valores de amortización a 15 anos de cada medida de rehabilitación (León).

Conclusións


O estudo conclúe que o uso das estratexias pasivas na envolvente, coa sustitución das fiestras e o illamento en fachadas e cubertas, mellora notablemente a demanda enerxética e o confort. Estas medidas poden ser suficientes para climas intermedios, pero será necesario combinalas con estratexias activas para climas extremos de frío (León) ou de calor (Sevilla).

Aínda que o caso de estudio e representativo do parque edificado en España, faise obrigatorio o estudio individualizado de cada caso, sen que existan fórmulas máxicas nin afirmacións categóricas. Non hai una única nin mellor intervención de rehabilitación enerxética; tampouco a mellor medida será aquela que proporcionen o meirande aforro económico ou máximo confort, senón aquela que sexa viábel económicamente.

A realidade da rehabilitación enerxética en barrios é moito máis complexa, xa que á ecuación incorpórase o factor humano e as comunidades veciñais. Por iso é necesario implicar ós organismos públicos e ás comunidades, xa que non terá sentido esforzarse en rehabilitar viviendas de xeito individual cando éstas pertencen a barrios compostos por ducias de vivendas semellantes, cuxas intervencións de rehabilitación a unha meirande escala permitirán a diminución dos custos das obras, mesmo obter mellores posibilidades de financiamento que permitan acadar rehabilitacións viábeis tanto enerxética como económicamente. 

---

[1] Directiva 2012/27/UE, de 25 de outubro do 2012, relativa á eficiencia enerxética.

[2] Unión Europea (2019). Driving energy efficiency in the European building stock: New recommendations on the modernisation of buildings. https://ec.europa.eu/info/news/driving-energy-efficiency-european-building-stock-new-recommendations-modernisation-buildings-2019-jun-21_en.

[3] https://ec.europa.eu/clima/policies/strategies/2030_es

[4] Fernández Ans, Pablo (2017). Propuestas de rehabilitación energética de viviendas en España. Confort y efectividad, Proxecto Fin de Grao. Universidade de Sevilla. https://hdl.handle.net/11441/79541

[5] https://www.cienciasambientales.org.es/

[6] O salario mínimo fixado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social de España para o ano 2017 é de 707,60 €/mes.

---

Artigo de Pablo Fernández Ans para o Nº 24 de Dínamo Técnica, marzo de 2020.

Arquitecto Técnico, Enxeñeiro de Edificación. Rehabilita Energía.

ORCID: https://orcid.org/0000-0001-7588-8153

Comentarios