Foro Enerxético reivindica as enerxías mariñas en Galicia

O Foro Enerxético de Galicia ven de reivindicar as enerxías mariñas como fontes de produción enerxética de carácter renovable, limpa e non contaminante e cun inmenso potencial de aproveitamento na costa galega.

Na súa reunión, celebrada en Santiago o pasado 14 de setembro, o Foro demanada a utilización dos 1.500 quilómetros de costa de Galicia como campo de probas de proxectos experimentais relacionados coas enerxías do mar.

Un dos proxectos que poñen como referencia é o de éolica offshore, Atlántico WindFloat, na zona de Viana do Castelo (Portugal), a escasa distancia da fronteira. Tamén destacan a fabricación de compoñentes que se fai nas instalacións de Navantia en Fene (A Coruña) para os parques eólicos offshore do norte de Europa. Para superar o problema da escasa plataforma marítima das costas galegas propoñen o uso de tecnoloxía offshore flotante.

No eido das enerxías das olas (undimotriz), das correntes mariñas ou da mareomotérmica, Galicia dispón de boas ubicacións para proxectos experimentais. Foro destaca como exemplos, o proxecto Magallanes Renovables ou o programa Life Demowave.

Nesta última reunión do Foro asistiron os enxeñeiros Jesús Castro, Fernando Blanco Silva, Juan Berea, Francisco García, Daniel Prieto, Oriol Sarmiento Diez, Ernesto J. Rodríguez e Carlos Rivas Pereda.